martes, 31 de marzo de 2015

A matraca da Catedral soará de novo nesta Semana Santa


A Semana Santa tudense continúa enriquecendo o seu acervo, recuperando agora unha tradición interrompida, hai algunhas décadas, o son da matraca ou carraca substituirá, tamén este ano, o tradicional son das campás da catedral tudense, convocando aos fieis ás celebracións litúrxicas propias destas datas.

Recuperada esta tradición o pasado ano logo de 59 anos gracias á colaboración do Concello de Tui e o Cabido da Catedral as vellas rúas tudense acolleran de novo o son adusto, seco e rexo da matraca catedralicia convocándonos á celebración do misterio pascual; o son da matraca catedralicia recolle coa súa acústica unha anterga expresión da sensibilidade destas datas.

Segundo o historiador tudense, José Ramón Fernández, a matraca tudense deixou de usarse arredor de 1955 cando o Papa Pío XII cambia a liturxia da Semana Santa desaparecendo o chamado “Oficio de Tebras”. Asi dende a “Gloria” do Xoves Santo ata o “Gloría” do Sabado Santo non se podían usar as campás para chamar aos fieis aos oficios litúrxicos. A matraca é un instrumento de percusión da familia dos idiófonos (instrumentos que producen o son por percusión do seu propio corpo). Consta dun corpo, dun taboleiro de madeira, ao que se unen varios martelos ou mazas, no caso de Tui 8 taboleiros e 16 martelos, que ao golpear contra os taboleiros producen o son.

Poucos lugares conservan unhas manifestacións da Semana Santa tan singulares como Tui. As escenografías relacionadas con antigos dramas ou autos sacramentais como os que podemos contemplar aínda no Sermón do Encontro, coa soberba imaxinería articulada do Cristo caendo coa cruz ou a Dolorosa de Agustín Querol, ou no Sermón do Desencravo coa súa particular carga escenográfica e a posterior procesión do Santo Enterro, organizada polo Concello, e que reunía e reúne ás xentes da nosa contorna e mesmo das terras de Portugal. Sen esquecer algo tan excepcional  como a Horta das Oliveiras, que xa se realizaba en 1818, na Capela da Misericordia e que revela a riqueza desta tradición cultural na nosa cidade. Tradición conservada e promovida pola Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia, presente en Tui dende 1542.

Peza tamén excepcional é o “Monumento” da Catedral, retablo que se montaba anualmente para función litúrxica do Xoves Santo, testemuño das disposicións canónicas da Contrarreforma. Obra do escultor Juan Luís Pereira de Santo Adrián de Cobres realizado no ano 1775, e que na actualidade é unha peza do mobiliario litúrxico única en España.



viernes, 27 de marzo de 2015

Pregón da Semana Santa 2015 - fotos

Fotos del acto de lectura do Pregón da Semana Santa de Tui a cargo do Ilmo. Dean do Cabido Catedral de Tui, D. José Dieguez Dieppa, celebrado o pasado domingo 22 de marzo.









jueves, 19 de marzo de 2015

Este domingo 22 de abril Pregón da Semana Santa a cargo do Deán da Catedral D. José Dieguez Dieppa



Este domingo 22 de abril ás 18,00 horas terá lugar na S. I. Catedral de Tui a lectura do Pregón da Semana Santa tudense, a cargo do Deán – Presidente do Cabido Catedral de Tui, Ilmo. Sr. D. José Dieguez Dieppa. Licenciado en Sagrada liturxia en Roma é, na actualidade, delegado episcopal de liturxia, párroco de Panxón, profesor no Instituto Teolóxico “San José” de Vigo, etc. Entre os varios cargos pastoriais encomendados no pasado salienta o seu quefacer como párroco do santuario de A Franqueira.

Completa o programa deste acto un pequeno concerto a cargo de alumnos do Conservatorio Municipal de Música de Tui.

A Asociación de Amigos da Catedral de Tui, xuntamente co Cabido Catedral e coa “Hermandad del Dulce Nombre de Jesús y Santa Casa de Misericordia” contando coa colaboración do Concello de Tui, impulsan, logo da favorable acollida dos anos anteriores, a celebración deste pregón da Semana Santa tudense co obxectivo de promover e valorizar as celebracións desta xornadas na nosa cidade e servir como anuncio e apertura dos actos litúrxicos destas tradicionais celebracións tudenses. Nas anteriores edición este pregón estivo a cargo dos profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández,  Domingo González Lopo e no pasado ano por Alberto Cuevas.

O propósito das entidades organizadoras é contribuír á promocións dos actos litúrxicos e, nomeadamente, as procesións e outros elementos que identifican, dende hai séculos, a Semana Santa tudense. Estes actos reúnen xuntos aos desfiles procesionais outros elementos paralitúrxicos ou parateatrais de fonda tradición na nosa cidade, como é a horta das Oliveiras ou os sermóns do Encontro e o Desencravo. Certamente estes aspectos resultan os máis singulares da Semana Santa tudense que unidos aos desfiles procesionais, onde saen singulares tallas -salientando a popular Dolorosa de Agustín Querol- e ao excepcional marco destes cortexos polas vellas rúas do conxunto histórico converten á Semana Santa tudense nun excepcional acontecemento que une fe, arte e cultura.


A fundamental dimensión relixiosa destas tradicións da Semana Santa non reduce as dimensións culturais e mesmo turísticas que posúen estas seculares costumes que cómpre conservar como testemuña dunha historia e como identificadoras da vida da nosa cidade.