Pregón da Semana Santa de Tui do ano 2024 polo profesor Xosé María Lores Pérez
Pregón da Semana Santa de Tui pronunciado por Xosé María Lores Pérez na
capela das Reliquias da Catedral de Tui o domingo 17 de marzo de 2024.
PER CRUCEM AD LUCEM
A
espranza do mundo é o amor consumido de sede
na consumación da crus.
A fin suprema do tempo é un estalido de gloria
na lus[i].
Con
estes tres versos remata o breve poema “Alfa e Omega” do guitirense Xosé María
Díaz Castro. Neles resúmese o que nesta tarde quixera pregoar: a cruz é o
camiño para a luz. Vivamos con intensidade a Semana Santa coa esperanza de saber que, despois das
tebras e das bágoas do Venres Santo, chegan os aleluias e o sol sen ocaso do
domingo de Resurrección.
Convídoos
a facer este tránsito entre as últimas etapas dun Cristo que sofre e agoniza
para a nosa redención e a xornada triunfante dun Cristo resucitado, vencedor da
morte e do pecado.
E
xa que as orixes míticas desta cidade son gregas, percorramos este camiño
cotexando algunhas das nosas liturxias e tradicións nestes días coas dos nosos
irmáns os cristiáns ortodoxos gregos.
Eles
tamén viven con intenso fervor estas datas, xa na súa denominación utilizan un
adxectivo que reforza a súa importancia e primacía: a Semana Santa é a Semana
Grande por antonomasia (Μεγάλη Eβδομάδα) e o nome de cada un
dos seus días vai tamén precedido do adxectivo “grande”.
Polo
xeral a súa celebración adíase con respecto á católica pois aínda que Grecia
utiliza o noso mesmo calendario dende o ano 1924, fai xustamente un século, con
todo para estas festividades réxense polo vello calendario xuliano
(estabelecido por Xulio César no ano 46 a.C.) que en 1582 foi modificado polo Papa Gregorio
XIII para corrixir un atraso acumulado
de dez días. Antes desta modificación todos os cristiáns celebrabamos a paixón,
morte e resurrección de Cristo nas mesmas datas.
A
Semana Santa Grega ten como período preparatorio, igual que entre nós, a
Coresma, un tempo de arrepentimento e conversión (μετάνοια) que comeza o Luns Limpo ou Luns Puro, (Καθαρά
Δευτέρα), equivalente ao noso Mércores de Cinza. É unha xornada festiva nas
que as familias adoitan sair ao campo e xantar pratos típicos a base de
legumes, verduras, peixe e marisco (o máis famoso dos pratos é o bacallau frito
con allada), acompañados dun pan exclusivo chamado lagana (λαγάνα) e facer voar
papaventos. O voo do papaventos simboliza o voo da alma cara ao ceo, cara a
Deus; as xentes pensan que canto máis altura alcance o papaventos, máis
probabilidades hai de que Deus escoite as súas oracións.
Cando
rematan os días coresmais, a igrexa ortodoxa combina a celebración do sábado de
Lázaro coa do Domingo de Ramos, e adianta o significado da Semana Santa: o
triunfo da vida –Cristo- sobre a morte por medio da resurrección. Nestas dúas
celebracións constatamos o poder de Cristo sobre a morte e recoñecemos a súa
realeza ás portas da semana máis solemne do ano, na que os fieis
conmemoran a paixón e morte de Xesús, que culmina coa gran e gloriosa
festa da Pascua.
A
véspera do domingo de Ramos festéxase -como dixemos- o Sábado de Lázaro de tal
xeito que a Semana Santa queda enmarcada entre dúas resurreccións: a de Lázaro,
irmán de Marta e María, e a do propio Xesús. Cristo realiza o milagre da
resurrección de Lázaro como o último
sinal glorioso antes da Paixón para que comprendamos que, aínda que sofre e
morre, é Señor e Vencedor da morte. A resurrección de Lázaro é un anuncio da
propia Resurrección de Cristo oito días despois, e ao mesmo tempo anticipa a
resurrección de todos os xustos no Derradeiro Día:
Ao resucitar a Lázaro de entre os mortos
antes da túa Paixón, Ti oh Cristo Deus! confirmaches a resurrección universal[ii]. (Απολυτίκιον[iii] da festa)
Este sábado é
tradición que os máis novos percorran as casas dos veciños cantando o himno de
Lázaro[iv] para, como recompensa,
recibir ovos e cartos.
O
Domingo de Ramos (Κυριακή των Βαíων: Domingo das Palmas) lembra a
entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. Chámanos a contemplar ao noso Rey: o
Logos de Deus feito carne, Vencedor da morte e Dador de vida, o Servo Sufrinte.
Non podemos entender a realeza de Cristo sen a
súa Paixón. Cheo de infinito amor polo Pai e o Espírito Santo, e pola
creación, na súa inexpresable humildade Xesús aceptou a infinita humillación da
Cruz:
El cargou coas nosas
dores,
el soportou os nosos
sufrimentos...
foi ferido por causa
das nosas rebeldías,
foi esmagado polas
nosas iniquidades.
O castigo que nos
trouxo a paz caeu sobre el,
a súa ferida foi a
nosa curación (Isaías 53: 4-5)[v].
Xerusalén
recibe ao seu rei. Un rei que camiña cara á morte. Con todo, a súa paixón non
constitúe un desexo mórbido polo martirio. O propósito de Xesús é o cumprimento
da misión para a que foi enviado polo Pai:
Bendito es, oh Salvador, que viñeches ao mundo
para salvar a Adán da antiga maldición, e no teu amor pola humanidade
compracícheste en converterte espiritualmente no novo Adán. Oh Logos, que
ordenaches todas as cousas para o noso ben, gloria a ti![vi] (Himno estacional dos matíns).
Nesta
xornada, as igrexas decóranse con follas de loureiro bendicidas que, tras a
misa, son distribuídas entre os fieis que as gardan, entre outras cousas, para
utilizalas na preparación dalgúns pratos, como as lentellas.
Nos
evanxeos a historia da Paixón está precedida por unha serie de feitos ocorridos
en Xerusalén e unha colección de parábolas, ditos e discursos centrados na
filiación divina de Xesús, o Reino de Deus, a Parusía (Pαρουσία) e o xuízo por parte de Cristo da hipocrisía e
as escuras intrigas dos líderes relixiosos do momento. Os tres primeiros días
da Semana Santa constitúen unha unidade litúrxica na que se abordan estes
temas.
O
Luns Santo (Μεγάλη Δευτέρα) é un día de reflexión que conmemora ao
"Νυμφίος" ("Noivo"), é dicir, a Cristo como noivo da
Igrexa, ese Cristo que sofre, pero que tamén prepara unha festa de voda para os
crentes no Reino de Deus. Así mesmo está dedicado á memoria de Xosé, fillo de
Xacob, como “týpoò Cristïῦ”, é dicir, como un prototipo, prefiguración
ou imaxe de Cristo. Outra lectura desta xornada é a da parábola da figueira
estéril, que maldiciu Xesús e secou (Mateo 21: 18-21; Marcos 11: 12-14), episodio
sucedido o día despois da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén.
O
Martes Santo (Μεγάλη Τρίτη) está
dedicado ás parábolas das dez virxes
(Mateo 25: 1-13) que simboliza a fidelidade e a prudencia e dos talentos
(Mateo 25: 14-30). No oficio vespertino deste día ou no de matíns do día
seguinte cántase o tropario (breve himno de oración) da monxa Kassia[vii] (en grego Κασσιανή), un dos
máis belos da himnografía eclesiástica ortodoxa:
A María Magdalena
Señor, a muller que
caera en multitude de pecados,
coñecedora da túa
Divindade,
tomando o oficio de
mirófora[viii]
chorosa ofréceche
perfumes para a túa sepultura
dicindo: Ai de min! pois me posúe a noite,
a tolemia da
impureza e o tenebroso e escuro
amor do pecado.
Recibe a fonte das
miñas bágoas,
Ti, que levas ás
nubes a auga do mar.
Inclínate aos
xemidos do meu corazón,
Ti, que inclinaches
os ceos co teu inefable abaixamento.
Bicarei con dozura
os teus inmaculados pés,
enxugareinos
repetidamente
cos rizos da miña
cabeza,
eses pés cuxo
terrible ruído ao oír Eva no Paraíso.
escondeuse chea de
medo.
A multitude dos meus
pecados e o abismo dos teus xuízos
quen poderá rastrexar,
oh Salvador da miña alma?.
Non me despreces a
min, a túa escrava,
Ti, posuidor dunha
misericordia inconmensurable.
O
Mércores Santo (Mεγάλη Τετάρτη) está dedicado á memoria da muller
pecadora que se arrepentiu, creu en Cristo e unxiu os seus pés con perfume
(Mateo 26: 6-13) e de Xudas, o discípulo
que traizoou ao Señor. Ela recoñeceu a Xesús como Señor, mentres que el se afastou do Mestre. Ela foi liberada, mentres
que el foi escravizado. Ela herdou o reino, mentres que el caeu na perdición.
Pola
tarde-noite celébrase o sacramento do Aceite Sacro. A Santa Unción ofrécese
para a curación da alma e do corpo, e para o perdón e a remisión dos pecados.
Co aceite consagrado o sacerdote unxe aos fieis na fronte, as fazulas, no
queixo e nas mans facendo o sinal da cruz e invoca sobre eles a graza de Deus,
médico das doenzas corporais e espirituais.
O
Xoves Santo (Μεγάλη Πέμπτη) está dedicado á Última Cea (ofrécese a
comuñón baixo as dúas especies); tamén se lembra o momento en que Xesús lavou
os pés aos seus discípulos (como signo de humildade); a oración en Xetsemaní e
a traizón de Xudas.
Un
dos himnos de matíns, chamado o “Íkos” resume o significado deste día:
Con temor,
acheguémonos todos á Mesa Mística e con alma pura, recibamos o Pan Sacro e
permanezamos co Mestre. Miremos como lava os pés dos discípulos e os seca coa
toalla, e fagamos segundo o que vemos, someténdonos os uns aos outros e lavando
os pés os uns aos outros; porque o Mesmo Cristo así o ordenou aos seus
discípulos e anticipou e díxolles. Pero Xudas, o falso servo traidor non
escoitou e permaneceu incorrixíbel.[ix]
Pola
noite lense distintos textos evanxélicos e revístese unha cruz de madeira con
flores. Ata a mañá do Venres Santo quedan os fieis, sobre todo mulleres, rezando e cantando himnos a Cristo.
Neste
día tínguense de vermello os ovos que serán utilizados nas celebracións da
Pascua e amasanse os pans de Pascua, en
cuxo centro poñen un ovo. Na antigüidade, as mulleres colgaban nas xanelas
roupa de cor vermella que simbolizaba o sangue de Xesús; por esta razón, o
Xoves Santo tamén é coñecido como "Xoves Vermello".
O
Venres Santo (Μεγάλη Παρασκευή) xornada dedicada á Paixón de Xesús e a
Crucifixión. É un día de dó. O Deus-Home (Θεάνθρωπος) leva
a súa κένωσις a
límites extremos aceptando a morte na Cruz:
El, con ser de
condición divina,
non se agarrou
cobizosamente a súa categoría de Deus;
senón que se espiu
do seu rango,
asumiu a condición
de escravo;
fíxose un home
normal e presentouse como tal
abaixouse a si
mesmo, facéndose obediente ata a morte,
e a morte na cruz! (Filipenses 2: 6-8)
Hoxe está colgado na
Cruz o que colgou a terra sobre as augas. O que é Rei dos anxos está vestido
cunha coroa de espiñas. O que envolve os ceos en nubes está envolto na púrpura
da burla. O que no Xordán liberou a Adán recibe golpes no rostro. O Esposo da
Igrexa está traspasado con cravos. O Fillo da Virxe é atravesado por unha
lanza.
Veneramos a túa
Paixón, oh Cristo: Móstranos tamén a túa gloriosa Resurrección![x]
(antífona de matíns)
Deste
día salientamos dous ritos “A Apocathelose” (Αποκαθήλωση, nome derivado
da recreación litúrxica do desencravo, do descendemento de Cristo da Cruz) e a
procesión do Epitafio (Επιτάφιος, icona que simboliza o enterro de
Cristo). Dous episodios cheos de
profundo dramatismo. No primeiro, mentres son entoadas as pasaxes que narran o
descendemento da cruz, vaise desencravando ao Crucificado (τὸν
ἐσταυρωμένον) . No segundo, unha icona de tea que representa
o corpo sacro de Xesús, colócase nun féretro, adornado con flores e guirlandas,
que simboliza a tumba de Cristo; entre lusco e fusco os fieis cargan o epitafio
e lévano en procesión polas rúas. A xente acompáñao portando candeas acesas.
Nalgunhas illas adoitan pasear o Epitafio polo porto e, ás veces, introdúceno
no mar para conseguir a bendición das augas e que os mariñeiros teñan
singraduras favorábeis.
O
Sábado Santo (Μέγα Σάββατο) está dedicado á sepultura de Xesús e o seu
descenso ao Hades.
Pola
mañá, celébrase o chamado "terremoto": durante o mesmo provócanse
ruídos axitando e golpeando madeiras unhas contra outras, en recordo da
primeira aparición do anxo que anunciou a Resurrección.
Pouco
antes da medianoite todas as persoas portando candeas van á igrexa, onde se
oficia a Misa de Resurrección. Apáganse todas as luces e o celebrante, tras
acender o único cirio que se atopa no altar, sae da nave central entoando o
himno "Δεύτε Λάβετε Φως..."[xi] (“Vide, recibide Luz da Luz
que non ten ocaso e glorificade a Cristo que se levantou de entre os mortos!” )
Logo, con esa mesma chama vai acendendo as candeas das persoas que están preto
del, e estas á súa vez acenden as das outras persoas. Despois os popes saen da
igrexa e soben a unha tribuna mentres cantan o "Χριστός Ανέστη"[xii] ("Cristo resucitou,
castigou con morte á morte e regalou a vida aos que estaban nos
sepulcros")
Ao
anuncio da Resurrección (Χριστός Ανέστη!) as campás comezan a repenicar,
estalan foguetes e a xente dase apertas e intercambia bos agoiros. É costume
que cada un leve á súa casa unha candea acesa e que antes de entrar faga co
fume da candea o sinal da cruz sobre o lintel da súa porta para propiciar a boa
fortuna e levar bendicións á casa.
Esta
noite familiares e amigos xúntanse nunha cea que clausura o período de xaxún,
toman unha sopa especial, mayirítsa (μαγειρίτσα), feita coas vísceras do
año que asarán ao día seguinte para a comida pascual. En xeral faise co fígado,
os riles e os intestinos do animal, e
adúbase con limón, cebolas, arroz e outros vexetais. Tamén se come o tsoureki
(τσουρέκι, pan grego de Pascua, similar ao noso roscón). E os nenos
reciben dos padriños ou dos pais candeas decoradas (λαμπάδες) e ovos de
chocolate.
Ao
día seguinte, Domingo de Resurrección (Κυριακή του Πάσχα), celébrase a
"Véspera do Amor" (Εσπερινός της Αγάπης) ou "Segunda
Resurrección". A denominación de
"Véspera do Amor" débese ao "Bico do Amor" que antigamente
intercambiaban os cristiáns na celebración da Resurrección do Señor.
Nesta
festividade lese parte do sermón pascual de San Xoan Crisóstomo[xiii]:
Que ninguén tema a
morte, porque a morte do Salvador librounos. Porque destruíu a morte cando esta
se apoderou del. Aquel que descendeu ao Hades aniquilou o Hades...
Oh morte! onde está
o teu poder?
Oh Hades! onde está
a túa vitoria?
Cristo resucitou, e
fuches aniquilado.
Cristo resucitou e
foron expulsados os demos,
Cristo resucitou e
os Anxos aledaronse.
Cristo resucitou e
reina a vida. Cristo resucitou, e os sepulcros baleiráronse dos mortos.
Porque Cristo
resucitando de entre os mortos, fíxose o Primoxénito de entre os mortos.[xiv]
É
tradición que os varóns da casa madruguen e comecen a preparar o lume para asar
o año que será o prato principal do xantar pascual, mentres as mulleres
terminan de preparar toda clase de petiscos (μεζέδες) que ofreceran aos
amigos e parentes que irán chegando para felicitar as Pascuas.
E,
tras este percorrido pola Semana Santa da terra berce da nosa civilización
occidental e patria de Diomedes, o noso lendario fundador, chegamos a Semana
Santa tudense.
Son
as 11 da mañá do Domingo de Ramos, dende o pórtico gótico desta catedral
inaugúrase a Semana Santa coa bendición de ramos para continuar co cortexo que
recrea a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén e remata coa celebración
eucarística. Actos multitudinarios, cunha catedral ateigada na que, en tempos,
o boureo de nenos e adultos dificultaba o seguimento da solemne liturxia. É día
de estrea, xa o di o popular refrán:
O que non estrea
algo no Domingo de Ramos, non ten cabeza nin mans[xv]
No
mediodía do Mércores Santo o Bispo preside a Misa Crismal na que se bendicen os
óleos e os presbíteros renovan as promesas sacerdotais. Boa representación do
clero diocesano, pequena presenza de fieis pois no calendario civil é día
laborable.
O
Xoves Santo lembramos a Última Cea coa institución da Eucaristía:
Isto é o meu corpo,
que se entrega por vós... Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue (I Corintios 11, 24-25)
e do sacramento da orde sacerdotal:
... facede isto en
lembranza miña (íbidem)
o lavatorio de pés, símbolo da humildade de
Cristo e exemplo a seguir:
... se eu, o Señor e
o Mestre, vos lavei os pés, vós debedes lavarvos os pés uns aos outros. Deivos
así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós. (Xoán 13, 14-15)
Rematan
os oficios deste día co traslado do Santísimo ao Altar da Reserva ou Monumento,
arquitectura efémera convertida en permanente, exemplo único en España, obra
realizada no último cuarto do século XVIII polo escultor Juan Luis Pereira,
cunha iconografía que combina temática eucarística e pasional (Ecce Homo
destacado nunha posición central e, no peitoril da escalinata, os Arma
Christi: no lado do evanxeo o galo da Negación, a columna e o flaxelo e os
instrumentos da Crucifixión e o Descendemento: escaleira, cravos, martelo, coroa
de espiñas, lanza, esponxa e tenaces; e, no lado da epístola, a almofía en
alusión ao lavado de mans de Pilato)[xvi]
Ademais
deste sen par monumento, nesta tardiña visitamos os das capelas do noso patrón
e do asilo e o das igrexas das clarisas ou de San Bartolomeu.
Mención
especial merece a visita á capela da Misericordia onde se recrea, dende hai máis de dous séculos, a oración de
Xesús en Xesetmaní (topónimo que significa “lagar de aceite”), episodio
inmediatamente posterior á Última Cea. O verdor das abondosas ramas de loureiro
e oliveira e o murmurio da auga que mana da fonte xera unha atmosfera sombriza
e primaveral -non esquezamos que, nos tempos antigos, a Pascua cristiá
coincidía co mes de Ἀνθεστηριών
(o mes do florecemento), unha celebración da primavera e do renacemento da
vexetación- mais tamén un ambiente de recollemento para acompañar a un Cristo
que como di o poeta da xeración do 27 Gerardo Diego:
Jesús, solo, abandonado,
huérfano, pavesa, Hombre,
macera su corazón
en hiel de olvido y traiciones.
«Padre, apártame este cáliz.»
Sólo el silencio le oye.
La misma naturaleza
que le ve, no le conoce.
«Hágase tu voluntad.»
Y, aunque lleno hasta los bordes,
un corazón bebe y bebe
sin que nadie le conforte.[xvii]
E
finalizamos a xornada coa Hora Santa, aquí na Catedral.
Na
mañá do Venres Santo procesionan as imaxes que encarnan aos principais
protagonistas e evocan os máis salientábeis episodios da paixón: Xesús atado á
columna, San Xoán, A Verónica, Xesús levando a cruz axudado polo Cireneo, a
Virxe Dolorosa de Querol ou o Cristo da Agonía.
Cara
ao mediodía escenifícase o Santo Encontro: o Fillo camiño do Calvario atopa a
súa Nai. A IV estación do Viacrucis composto por Ernestina de Champourcín, unha
das “sen sombreiro”, dentro do seu libro Presencia a oscuras, recolle o
dramatismo do momento:
Tu llanto silencioso
cae lentamente, apretadamente -grueso rocío nocturno, sin revolar de pájaros ni
temblor de frondas-, lágrima desesperada porque sabe que se romperá sin remedio
sobre unas rocas áridas, y que no va a florecer...
No puedes acunar tu dolor con tus sueños, no con ilusiones. Conoces el fin
hasta su terror último y vas a él, te ofreces a él, vulnerable, desnuda,
echando el apoyo pueril del clamor, del grito, de la compasión ajena. Y entre
lágrima y lágrima tienes los ojos secos, ardientes, encendidos por una llama
que te obliga a mirar, a desgarrarte y sufrir.
Hay quien habla de
tus siete dolores. ¿Qué saben ellos? Eres todo el dolor, la suprema amargura,
eres el Amor que sabe compartir, compadecer y callar.[xviii]
Á
última hora da tarde, despois da celebración da Paixón neste santa igrexa
catedral, acercámonos ao convento dos dominicos para asistir a escenificación
do Desencravo: Cristo é baixado da árbore da cruz para, introducido nun
cadaleito e acompañado da Virxe Dolorosa, percorrer as rúas medievais tudenses
no último e conmovedor desfile procesional desta día, un dos máis solemnes da
nosa Semana Santa.
Unhas
palabras de Xosé María Álvarez Blázquez describen de xeito moi acaído as
últimas horas do Venres Santo tudense:
En la tarde de
Viernes Santo he estado en Tuy...
En Tuy andaba un
aire frío de nordés lamiendo las rúas. En la Corredera una masa rural -y no
diré espesa- peripateaba en espera de la procesión... desde Santo Domingo,
concluída la patética función del Desenclavo, arrancaba ya el conmovedor
cortejo del Santo Entierro, que cada tudense llevamos grabado en el alma
indeleblemente... la procesión del Entierro enfilaba ya la dormida, la quieta,
la silente e hidalga Calle de Abajo... en la tarde conmovida del Viernes Santo,
oyéndose a lo lejos los tambores destemplados y los acordes conmovedores de la
Marcha Fúnebre de Chopin.[xix]
(Xosé María Álvarez
Blázquez, “Carta a un amigo que ya no está”, a Manuel Fernández-Valdés)
Abre
o Sábado de Gloria a procesión da Virxe da Soidade: acompañamos a María, supervivente ao seu Fillo morto para a nosa
redención:
Madre en la soledad,
Madre en la muerte,
para darnos vida
con la vida del Hijo
subastada.
... sola en tu
Soledad!
Más sola que el
Dolor, dormido en tu regazo para siempre.
Más sola que la
Muerte, renacida en tu gozo,
como una golondrina
libertada.
Sola de todo Mal,
con el Pecado muerto al pie de tu sonrisa.
Camino del sepulcro,
con el llanto caído como un velo piadoso,
detrás de la derrota
de tu Carne,
la soledad del mundo
caminaba a tu paso, redimida.
De vuelta del
sepulcro, mientras tu Soledad iba bordando
los ocultos senderos
de la Pascua,
la Paz se recostaba
sobre tus manos puras
y la Esperanza
amanecía a tiempo, al filo de tus hombros, ¡alborada!
...Soledad tan
cercana y sin estorbos,
tan sonora de aroma
y de ternura,
que hasta los niños
ciegos han de poder hallarte.
María Soledad,
toda llena de Dios y
de los Hombres,
Oh Soledad, oh
compañía nuestra![xx]
(fragmentos do poema
“Soledad” do bispo Pedro Casaldáliga)
Despídese
o sábado coa Vixilia Pascual: despois de pasar pola consumación da crus
chegamos ao estalido de gloria na lus[xxi]
que continúa na liturxia do domingo de Resurrección:
Resurrección. Oh
gloria
taladrada y tan
nuestra,
tan de hueso y de
carne
firme, caliente,
fresca.
Por Ti, Jesús, tan
nuevo
hoy con tus cinco
estrellas
que en cifra
dibujada
tu caridad
constelan,
por Ti, Señor,
devuelto
a la luz que te
estrecha,
al amor que te ciñe,
al aura que te besa,
por ti, todo nos
canta,
oh divina certeza
para después del
tiempo,
quieta ya primavera.
que di Gerardo Diego no seu poema “Á
resurrección do Señor”[xxii]
Remato
este pregón repetindo o desexo xa apuntado ao comezo: Vivamos con intensidade a
Semana Santa: que aumente a nosa fe, a nosa esperanza e a nosa caridade.
Levemos
a nosa cotiá praxe cristiá as palabras do papa Francisco pronunciadas na
homilía do mércores de Cinza de 2014 na romana basílica de Santa Sabina:
...só cando as
dificultades e os sufrimentos dos nosos irmáns nos interpelan, só entón podemos
iniciar o noso camiño de conversión cara á Pascua.[xxiii]
Saibamos
ser cireneos que axudemos a levar a cruz dos nosos irmáns que, na distancia ou
ao noso carón, son outros Cristos sufrintes: os que viven na intemperie, os
desafiuzados por doenzas incurábeis, os migrantes que arriscan a súa vida
atravesando os mares en febles caiucos, os anciáns que viven en soidade, os
famentos de corpo ou de espírito, as vítimas de todo tipo de violencia física
ou psíquica, os desempregados... os que na terra pola que andou Xesús aturan a
cruenta realidade da guerra... Todos
eles son os novos Cristos deste mundo globalizado, non podemos allearnos das
súas dores se queremos vivir unha Semana Santa cristiá de certo e se buscamos
contruír, aquí e agora, un adianto da Xerusalén celestial. Só así, despois de
axudar ao próximo nas súas tribulacións, poderemos compartir con el os gozos
pascuais e proclamar todos xuntos:
Χριστός Ανέστη! (Cristo resucitou!)
Καλό Πάσχα και Καλή Ανάσταση! (Felíz Pascua e
Felíz Resurrección!)
Mil primaveras máis para a Semana Santa
Tudense!
[i]DÍAZ CASTRO, Xosé María, Nimbos, La Voz de Galicia (Biblioteca
Galega 120, nº 38), A Coruña, 2002, páx. 19
[ii]Cita tomada de https://www.goarch.org/documents/32058/1768086/2023-Holy-Week-Spanish.pdf,
pax. 6.
[iii]O Απολυτίκιον é unha oración ou himno de despedida dito ou cantado ao final da Misa
grega e durante os oficios de matíns e vésperas; parécese moito á colecta
romana ou poscomunión.
[iv]Audición e texto en español: https://www.youtube.com/watch?v=Mnn2bWwPMUY&t=67s
[v]Todas as citas bíblicas están tomadas de A Biblia, SEPT, Vigo,
1992 (2ª ed. revisada por Xosé Fdez. Lago)
[vi]Cita tomada de https://cristoesortodoxo.files.wordpress.com/2015/04/el-sc3a1bado-de-lc3a1zaro-y-el-domingo-de-ramos.pdf
páx. 3.
[vii]Texto: https://www.hs-augsburg.de/~harsch/graeca/Chronologia/S_post09/Kassia/kas_poe1.html
Audición:
https://youtu.be/iV0ALRFZKa0?si=kxwpnF3dy7tWVR2i
Κασσιανή tamén coñecida como Casiana, monxa da primeira metade do século IX,
autora de himnos litúrxicos.
[viii]Chámanse miróforas (en grego: Μυροφόροι) as mulleres mencionadas no
Novo Testamento que estiveron directamente implicadas no enterro ou que
descubriron a tumba baleira de Xesús despois da súa Resurrección.
[ix]Cita tomada de https://cristoesortodoxo.com/gran-cuaresma/semana-santa/
[x]Cita
tomada de https://cristoesortodoxo.files.wordpress.com/2015/04/gran-y-santo-viernes-por-alkiviadis.pdf
páx.
3
[xiii]Ἰωάννης
ὁ Χρυσόστομος, mediados do IV p. C., un dos grandes pais da igrexa oriental,
denominado χρυσόστομος (“bico de ouro”) polas súas excepcionais dotes
oratorias.
[xv]https://cvc.cervantes.es/lengua/biblioteca_fraseologica/n4_viejo/corpus_refranero_temporal_03.htm
[xvi]https://www.academia.edu/2613908/El_Monumento_de_Semana_Santa_de_la_catedral_de_Tui_arte_ef%C3%ADmero
[xix]Xosé María Álvarez Blázquez e Tui. Da vella casa ao corazón aberto (edición de Rafael Sánchez Bargiela, epílogo de Marga Romero Lorenzo),
Concello de Tui, Tui, 2008, pp. 137-8
[xxi]vid.
Nota 1.
[xxiii]https://www.vatican.va/content/francesco/es/homilies/2014/documents/papa-francesco_20140305_omelia-ceneri.html
(Todas as páxinas de internet foron visitadas
entre os días 1 e 15 de marzo de 2024)
Comentarios
Publicar un comentario