jueves, 23 de mayo de 2019

In memoriam de D. Domingo Cameselle Bastos




Onte, mércores 22 de maio, recibimos a triste noticia dende o Mosteiro de Sobrado dos Monxes do falecemento de Domingo Cameselle Bastos, que foi o impulsor e fundador desta “Asociación de Amigos da Catedral de Tui”. Ante todo, achegamos a nosa oración e o noso pesar por tan triste acontecemento así como o recoñecemento ao importante papel que Domingo Cameselle Bastos desenvolveu nos anos en que tivo ao seu cargo á catedral tudense. Esta nota quere ser unha lembranza garimosa ao seu labor na nosa Catedral.

Domingo Cameselle (Vigo, 1932) desenvolveu unha ampla labor pastoral na diocese tudense, como coadxutor en varias parroquias de Vigo, logo como párroco de Baredo e Baíña e posteriormente Peitieiros e Morgadáns, chegando a Tui, en setembro de 1990, ao ser nomeado, por Monseñor José Cerviño, como Capelán da Milagrosa e responsable do culto na Catedral de Tui en coordinación coa parroquia e o Cabido.

Ao pouco da súa chegada crea o boletín “Pórtico”, en outubro de 1990, para informar sobre “o culto, actividades, necesidade e historia da Catedral”. Un dos primeiros obxectivos, logrado aos poucos meses, foi a fundación da Asociación de Amigos da Catedral, que tras ser promovida por unha comisión xestora e recoñecida oficialmente o 2 de marzo de 1991, nomeou a súa primeira xunta directiva, nese mesmo mes, integrada por:
-          Presidente: Manuel Martínez González
-          Vicepresidente: O propio Domingo Cameselle Bastos
-          Secretaria: Margarita Pino Juste
-          Tesoureiro: Juan J. Vilches Saco
-      Vogais: Valentín de Miguel Lozano, Placido Méndez Cruces, Ernesto Iglesias Almeida e  Antonio Hernández Matias.
“Pórtico” pasa a converterse no boletín que editaba mensualmente a Asociación e que paseniñamente vai logrando a incorporación de numerosos socios.

Dende o primeiro momento impulsa á vida litúrxica na Catedral coa celebración de Laudes diariamente e Vésperas os sábado, a misa en galego unha vez ao mes e numerosos concertos e actuacións de caracter cultural.

Foi nomeado tamén como Subdirector do Museo Diocesano,  e vinculando ambos cometidos co impulso de Domingo Cameselle e a Asociación de Amigos da Catedral desenvólvese unha ampla programación cultural. Das numerosas actividades podemos, entre outras, destacar:
-     Ciclo de conferencias e exposición sobre “A morte en Galicia, pasado e presente” en novembro de 1991.
-          Ciclo de Música Sacra iniciado en 1993
-          Exposición “Iconografía y culto al apostol Santiago en la Diócesis de Tui-Vigo” na primavera de 1993 e ciclo de conferencias así como a edición dun libro co mesmo título.
-          Cursos de Heráldica
-          Ciclo de conferencias “Arte e historia no Baixo Miño”

Daquela data de 1992 é a cesión da Igrexa de San Domingos a esta Asociacion, abrindo esta etapa cunha exposición conxunta do escultor Juan José Oliveira e o pintor Xavier Pousa, primeiro eslabón dun ciclo de actividades baixo o nome de “Música y arte en Santo Domingo” que acolleu numerosas actividades de carácter cultural.

En marzo de 1992 foi elixida unha nova directiva  de Amigos da Catedral integrada por:
-          Presidente: Eduardo Cadenas
-          Vice-presidente: Domingo Cameselle Bastos
-          Secretario: Julio Viñas Martínez
-          Vice-secretaria: María Luisa Meijome Iglesias
-          Tesoureiro: Juan J. Vilches Saco
-        Vogais: Plácido Méndez Cruces, Valentín de Miguel Lozano, Ramón Rosada Silva, Rafael Ruibal Sobral, Juan Manuel Areses Gándara, Alicia Alonso Romero, Julio García Rivas, Amalia de Santiago Fernández, José Manuel González Castiñeira, José Ramón Fernández Fernández, Juan Carlos Toledo García y Antonio Hernández Matias en representación do Cabido.

Neste mesmo ano 1992 comezou a Asociación á colocación do Nacemento na Catedral, nos primeiros anos baixo o Monumento de Xoves Santo, unha iniciativa que, enriquecida, aínda perdura cada Nadal.

Será en 1995 cando Domingo Cameselle foi nomeado polo Bispo, Monseñor José Cerviño, como director do Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui, en subtitución de D. Antonio Hernández Matias tras o seu nomeamento como Vigario xeral da diocese. Domingo Cameselle xa tiña impulsado a creación da Sala Arcebispo Lago para a realización de actividades e exposicións, e agora como director do Museo promove a remodelación das instalacións e da exposición permanente do Museo actualizando a que existía dende a apertura deste centro museístico.

Na asemblea xeral da Asociación, en marzo de 1996, Domingo Cameselle mostra o seu desexo de cesar nas súas funcións na Xunta Directiva dada a súa próxima xubilación. En setembro deixa a cidade de Tui e o seu papel como encargado do culto na Catedral. Será reemplazado no Museo novamente por D. Antonio Hernández Matias e no Arquivo por D. Avelino Bouzón Gallego.

O Boletín “Pórtico” no seu número 72 ao informar deste feito dicía: “Nestes últimos anos a Catedral iniciou un rexurdimento tras un período de certo abandono (non se pode esquecer o meritorio traballo dalgunhas persoas con anterioridade). O culto votou a ser diario e revitalizouse. A cultura ten as súas portas abertas. Acadalo foi unha labor de todos, desde o Bispado ata as persoas particulares. Pero sería inxusto non recoñecer que a Don Domingo Cameselle lle corresponde unha aprte moi importante na consecución deste común obxectivo (…) deixa o listón moi alto.”

Froito do seu labor nos anos tudenses Domingo Cameselle publicou varios libros:  “La catedral de Tui” ( con Ernesto Iglesias Almeida), “Parroquia de Santa María de Baredo”, “Iconografía do nadal na diocese de Tui-Vigo” (con Antonio Hernández Matías) e outros, asi como numerosos traballos de investigación eeditados en revistas de estudios e congresos.


O 1 de novembro de 2008 Domingo Cameselle Bastos, logo de varios anos de preparación, profesaba como monxe no Mosterio de Santa María de Sobrado da Orde do Cister, recuperando unha primixenia vocación e onde desempeñou diversas responsabilidades monásticas ata que foi chamado ao Pade no día de onte. Descanse en paz.

No hay comentarios:

Publicar un comentario