Este sábado terá lugar a entrega da medalla de ouro do Concello ao D. Luis Quinteiro Fiuza, bispo de Tui-Vigo
Este sábado, 10 de decembro, ás 13.00 h no salón de plenos da casa do concello de Tui terá lugar a entrega da medalla de ouro da cidade a D. Luis Quinteiro Fiuza, bispo da diocese de Tui-Vigo. O Pleno da Corporación Municipal de Tui acordou na súa sesión do pasado 28 de xullo conceder a medalla de ouro da cidade, que será entregada este sábado.
O acordo
plenario, sinala o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recolle como ao longo dos
doce anos de episcopado, dende 2010, Monseñor Quinteiro mantivo sempre unha
especial relación coa nosa cidade, onde está a súa sede ou cátedra na Catedral
de Santa María, dedicándolle a este templo unha preferencial atención para
potenciar o seu papel como principal igrexa da diocese, promovendo o culto e
actividades no seu recinto.
Nestes anos do
seu episcopado, testemuñando a súa constante preocupación pola conservación da
Catedral tudense se veñen acometendo importantes obras de restauración e
conservación en colaboración con diversas administracións e institucións - cabe
subliñar as obras no edificio da Contaduría, na fachada norte da Catedral, na
Torre de San Andrés, nas cubertas pétreas, etc.-, a organización da visita
turística e a dixitalización de fondos do Arquivo Municipal, así como o
desenvolvemento do Plan Director da Catedral de Tui dirixido polo arquitecto
Iago Seara.
Unha atención que
culmina coas súas xestións para o importante investimento que nestes vindeiros
anos recibirá a Catedral tudense a través do Plan de Catedrais da Xunta de
Galicia, e especialmente coas obras no
Pazo episcopal para acoller as novas instalacións do Museo Diocesano e
Catedralicio financiadas ao abeiro do programa do 1,5% Cultural do Goberno de
España.
Tamén ten
colaborado de forma ampla co Concello de Tui en moi diversos asuntos, sempre de
forma construtiva para o interese común así como participando en numerosas
actividades promovidas tanto polo Concello tudense como polo entramado
asociativo deste municipio.
Para o rexedor
tudense, Enrique Cabaleiro González, a concesión desta distinción resulta un
acto de xustiza polo excepcional labor desenvolvido por D. Luis Quinteiro ao
longo do seu episcopado onde xunto ao numerosos logros alcanzados na
conservación e potenciación da Catedral tudense mantivo sempre unha aberta
colaboración con numerosas iniciativas públicas e de todo tipo relacionadas coa
nosa cidade testemuñando a súa alta condición.
Posteriormente a este acto no Parador de Turismo "San Telmo" haberá un xantar en homenaxe a D. Luis Quinteiro convocado por esta Asociación de Amigos da Catedral de Tui que contará coa presenza de 70 persoas.
Comentarios
Publicar un comentario