O Concello de Tui entregou a súa máxima distinción ao bispo D. Luís Quinteiro Fiuza, recoñecendo o seu labor na catedral e a súa vinculación coa cidade
Recoñecer a súa estreita vinculación á cidade, e o seu labor na Catedral, foron dous dos aspectos destacados este mediodía no acto e entrega da medalla de honra do concello de Tui na súa categoría de ouro, ao bispo da Diocese de Tui-Vigo, D. Luís Quinteiro Fiuza.
O salón de
sesións da casa do concello acolleu o solemne acto presidido polo alcalde,
Enrique Cabaleiro, xunto a membros da corporación municipal, e a outras
autoridades.
Enrique Cabaleiro
na súa intervención lembrou coma dende o século VI Tui ten a condición de sede episcopal e
sinalou que “o noso acervo patrimonial non está unicamente conformado pola nosa
Catedral e o conxunto histórico, senón por un patrimonio intanxible,
espiritual, inmaterial que como un estimado legado os tudenses transmitimos de
xeración en xeración”.
Salientou amais
que D. Luis Quinteiro “soubo achegarse a este espírito silandeiro que, tantas
veces caladamente, transcende os marcos temporais e de calquera tipo para
expresarse en actitudes, en valores, en sentimentos”. Engadía Enrique Cabaleiro que “no seu
episcopado ten salientado pola súa intensa preocupación pola nosa Catedral e
pola súa revitalización”.
O alcalde tudense
salientou coma o traballo realizado polo actual bispo ten “un balance
certamente digno de recoñecer e que aportou e aporta á nosa Catedral e, por
conseguinte, á nosa cidade e os seus veciños un claro enriquecemento a esta
secular relación entre Tui e os seus bispos”.
Remataba o
rexedor con palabras de agradecemento “por tanto que nos ten aportado, gracias
polo seu labor a prol da nosa cidade, da nosa Catedral, da nosa diocese...
gracia pola súa amizade e colaboración...”.
Tras a súa
intervención o alcalde impuña a medalla de ouro ao bispo da diocese, e lle
facía entrega do diploma e da acta plenaria deste recoñecemento.
A continuación
tomaba a palabra D. Luis Quinteiro, amosando a súa gratitude por “terme
concedido esta honra que sobrepasa tanto os meus merecementos como enche de
ledicia e de gratitude o meu corazón”. Agradecía á veciñanza por facelo
sentir “como un máis entre todos”. Recoñecía
que “no correr dos días funme enamorando de Tui e das súas xentes” engadindo
que “fostes vos os tudenses os que me fixestes abrir os ollos e o corazón”.
Por outra parte
na súa intervención o bispo da diocese indicou que “unha cidade unida ten máis
forza para loitar e cando se ten confianza en sí mesma os novos horizontes son
retos que nos entusiasman”. Apuntou que “símbolo inmortal do que somos e do que
traballamos é a nosa Catedral, orgullo de herdanza e compromiso irrenunciable
para todos. Aí está a historia dos mellores talentos que segue fascinando a
todos os que nos visitan”. D. Luís Quinteiro sinalou que as torres da Catedral
“levántanse convocando a ambas as beiras do pai Miño. É seguirá a ser así
porque a vocación primeira sempre renace de novo. A Catedral segue marcándonos
o futuro: unirnos entre todas as xentes, e, sobor de todo, unirnos cada día
máis cos nosos irmáns portugueses, que ésta é a misión que Galicia dende os
alicerces, nos ten encomendada”.
No acto contouse
coa actuación musical de Pablo Ameijeiras alumno de último curso do grao
profesional do Conservatorio de Música de Tui.
Ao remate do
mesmo o D. Luis Quinteiro, asinou no libro de honra do concello de Tui.
Posteriormente
celebrouse no Parador de Turismo “San Telmo” un xantar de homenaxe ao Monseñor
D. Quinteiro organizado pola Asociación de “Amigos da catedral de Tui” que
contou coa participación de setenta persoas, ao remate do acto Maria Dolores
Balseiro pronunciou unhas palabras en nome dos asistentes e entregoulle a D.
Luis un agasallo, consistente nun esmalte da catedral tudense obra dos irmáns
Hernández de Vigo, que o bsipo agradeceu con palabras emocionadas.
Comentarios
Publicar un comentario